Cortexo cívico de Pontedeume

Cortexo cívico de Pontedeume
Comparte

Texto lido o 17 de maio de 2025 nos Xardíns de Lombardero, en Pontedeume, durante o Cortexo Cívico organizado polo Ateneo Eumés Fernán Martís e o Colectivo Terra.

“Pontedeume, senta aquí!”. Así, con esta sinécdoque na que eu era a parte que representaba a vila que tan ben o acollera, me saudou Agustín Fernández Paz a derradeira vez que nos vimos. Xa ambos sentados, presumiu de cando subía en bicicleta a costa da rúa Irmandiños, na que vivía. E falou de moitas cousas. E eu escoitei. E laiouse tamén da pouca consideración coa que ás veces se trataba a literatura infantil e xuvenil galega.

Antonio Manuel Fraga Cortexo cívico

Por desgraza, pasaron os anos e isto non mellorou demasiado. Tanto desdén cara á LIX desde unha parte dun país que nos deu e nos dá magníficas escritoras para a cativada é, canto menos, desalentador. E isto faime preguntarme sobre como ven algunhas persoas os libros infantís e xuvenís ou, o que é máis preocupante, como ven a estas crianzas lectoras.

A esta parte do país preguntaríalle:

  • Que cren que debería ler a rapazada? Fixeron realmente esta reflexión ou falan de oídas, por non dicir que falan por falar?
  • Ás que acusan a LIX de nin molestar nin seducir, preguntaríalles que pensan de obras como Rúa Carbón de Marilar Aleixandre ou Be Water de Antía Yáñez. Négome a pensar que, se as leron, se atrevan a dicir que nin molestan nin seducen.
  • Que pensarán de Analfabeta, de Érica Esmorís e Dani Padrón, que a través do sutil diálogo entre texto e imaxes fálanos máis e mellor sobre a experiencia lectora que moitos deses manifestos que se limitan a dicir o fermoso que é ler?
  • Eva Mejuto, Carlos Negro, Ledicia Costas, Andrea Maceiras, Lois Pérez ou Iria Misa, por poñer só uns cantos exemplos, déronnos nos últimos anos obras meritoriamente profundas que non merecen ser olladas por riba do ombreiro, sobre todo se ese prexuízo nace do descoñecemento.

E si, non podemos negar que entre os libros infantís e xuvenís hai cousas que sería mellor que nunca se publicasen. Mais iso tamén pasa con moitos libros para adultos, non si? Non todo debería ser publicado nin todo o que está publicado paga a pena.

Antonio Manuel Fraga Pontedeume

En fin, que non sei se estou facendo a defensa da LIX galega que me gustaría facer. Non sei se con esta ladaíña conseguirei que esa parte do país mire con menos prexuízos os libros para a cativada. Se polo menos consigo levar alguén cara á reflexión, eu xa estarei satisfeito. E sei que Agustín o estaría aínda máis.

Bo día, boas Letras e moitas grazas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.
You need to agree with the terms to proceed

Outros artigos