Ola! Grazas por visitar a miña páxina web. Son un escritor galego e aquí atoparás información sobre as miñas novelas, unha galería de fotos, respostas a preguntas frecuentes e outros ingredientes do meu universo literario. Goza da estadía!
Último libro publicado
Boris e Margaret
Que pode saír mal cando dous ietis deciden converterse nuns auténticos cabaleiros británicos? Boris e Margaret viven aburridos nunha remota cova do Himalaia ata que rescatan un aristócrata inglés perdido entre a neve. O seu novo amigo falaralles do té das cinco, dos pícnics, do fish and chips e das extravagantes costumes británicas. Fascinados, os dous ietis farán todo o posible por imitalas con resultados absolutamente desastrosos!


SOBRE MIN
Biografía
Nacín baixo a sombra do castelo de Andrade, que se ergue en Nogueirosa, sobre un outeiro. De neno comecei a procura do túnel que seica conecta ese castelo co de Pontedeume, e dalgún xeito aínda o fago cando imaxino historias.
Vivín en varios lugares ata acabar no barrio coruñés de Monte Alto. Dediqueime, entre outras cousas, a dar clases de matemáticas, estudar enxeñaría, adoptar un gato, construír parques eólicos, ver películas de Miyazaki e escribir como forma eficaz de vivir outras vidas. Publiquei unha chea de libros, algúns dos cales gañaron premios, foron traducidos a outros idiomas e escollidos para prestixiosos catálogos como The White Ravens ou a Lista de Honra IBBY.
Gústanme a voz de Lana del Rey, os New York Knicks e as comidas familiares no Lugar do Sapo.
Tes algunha pregunta? queres contar comigo para algún evento ou feira? Non dubides en contactarme e estarei encantado de axudarte!
