Hai uns días pedín en Twitter que me propuxesen sitios onde fan boas empanadas, así como algunhas características das mesmas (masa, recheo, etc). O que comezou como unha brincadeira acabou cunha manchea de propostas que fun recollendo nun documento excel.
Mais por que ficar aí? Decidín aproveitar toda esa información para elaborar este Atlas da Empanada que hoxe partillo co mundo.
Hai nesta listaxe auténticas marabillas da nosa gastronomía: empanada de berberechos con cunchas, anguía, atún con ortigas, centola, berciana con pataca, zorza, bola de liscos, longueiróns, aberta de raia… Pasando polas máis clásicas de bonito, bacallau e carne. Hainas de masa follada, de trigo, de millo… Até para os máis larpeiros hai algunha variedade doce.
En resumo, unha auténtica comuñón telúrica de masas e zaragalladas, unha descrición do país a través das súas papilas gustativas.
Este Atlas da Empanada é un ente vivo que debe continuar a medrar. Para iso, fai as túas suxestións nos comentarios deste post para írmolo actualizando entre todas.
E, por suposto, difundide a palabra, apóstolos e apóstolas da empanada.
Saúde e empanada!
15 Comentarios. Leave new
As Rozas, Arteixo. As empanadas son todas mui boas: masa fina e moi xugosas. A de xoubas é de premio, pero se isto vai de rarezas anotade a de zorza/chourizo e mexillóns. Sorprenderavos pra ben
Engadida. Moitas grazas!
Home, a empanada de luriña, pero sobre todo a de zamburiña, do Forno Alameda, na rúa do mesmo nome da Coruña. Teñen máis. pero esas dúas sobresaen. Un saúdo
Ola Patricia. A de zamburiñas do Forno Alameda estaba xa incluída no mapa. Agora engado a de luriña. Grazas!
Unha idea xenial Antonio sobre todo pra os que nos gusta a empanada .A tus nai tamen as fay Moy ricas sobre todo a de zamburiñas.saudos
Esa é a mellor!
Por favor… empanada semifollada de bacallau de panadería Fontenova de Viveiro.
Moitas grazas por este traballo. Aseguroche que lle sacarei partido. Cando vou a calquera lugar do país, procuro buscar unha panadería para probar a empanada, pero sempre ías con aquilo se atinarias ou non… deste xeito atinarei sempre.
Grazas de corazón de parte dun lambón 😋
Moitas grazas polo aporte, Carlos! En Viveiro aínda non tiñamos sitio ningún.
Boas. As empanadas do Jefama non están mal pero, para min, as mellores de Noia son a de millo e berberechos do Couto e a de Bacallau, do Forno de San Cosme. Comer e morrer.
Ola María. Acabo de incorporar as túas propostas ao Atlas. Moitísimas grazas!
Pero ese mapa, de qué ano é???
Boas, Lucía. Deste mesmo ano. Está feito coas distintas aportacións que me foron chegando sobre fornos e despachos de empanadas. Se observas algún erro ou botas en falta algunha boa empanada, por favor dimo e actualizareino. Grazas!
https://www.valdeorrasdecerca.com/la-festa-da-empanada-de-costrelas-de-a-rua-vella-record-de-participacion/
No Restaurante Casa Paca, en Xermar. Cospeito. Unha deliciosa empanada de liscos cocida no forno de leña
Moitas grazas, Xosé. Vou incorporar a túa suxestión.