
Hai uns días pedín en Twitter que me propuxesen sitios onde fan boas empanadas, así como algunhas características das mesmas (masa, recheo, etc). O que comezou como unha brincadeira acabou cunha manchea de propostas que fun recollendo nun documento excel.
Mais por que ficar aí? Decidín aproveitar toda esa información para elaborar este Atlas da Empanada que hoxe partillo co mundo.

Hai nesta listaxe auténticas marabillas da nosa gastronomía: empanada de berberechos con cunchas, anguía, atún con ortigas, centola, berciana con pataca, zorza, bola de liscos, longueiróns, aberta de raia… Pasando polas máis clásicas de bonito, bacallau e carne. Hainas de masa follada, de trigo, de millo… Até para os máis larpeiros hai algunha variedade doce.


En resumo, unha auténtica comuñón telúrica de masas e zaragalladas, unha descrición do país a través das súas papilas gustativas.
Este Atlas da Empanada é un ente vivo que debe continuar a medrar. Para iso, fai as túas suxestións nos comentarios deste post para írmolo actualizando entre todas.
E, por suposto, difundide a palabra, apóstolos e apóstolas da empanada.
Saúde e empanada!
