ASKJA ou o desexo de fabular

Lagoa no cráter do Askja, que en islandés significa A caixa.
Comparte

O martes 26 de novembro fíxose público que a miña novela Askja fora a gañadora entre as trinta e tres propostas presentadas á IV edición do Premio Pinto e Maragota, convocado polo Concello de Pontevedra en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, que publicará o texto.

Sara Vila, responsable de comunicacións de Xerais_ eu, o señor de verde_ e Anabel Gulías, concelleira de Igualdade de Pontevedra.
Sara Vila, responsable de comunicacións de Xerais_ eu, o señor de verde_ e Anabel Gulías, concelleira de Igualdade de Pontevedra.

Hoxe apetéceme falar un pouco da novela, que é un xeito de me reencontrar cun universo do que saín aos poucos cando escribín a palabra FIN.

Non descubro nada ao dicir que esta noticia supuxo para min unha alegría grande. Escribir é un traballo solitario e esta historia levaba xa comigo catro anos, durante os que a fun debullando aos poucos no meu recunchiño mentres soaba en bucle –ben baixiño –o disco Valtari, de Sigur Rós.

Cando conseguín chegar ao final, comezou un novo proceso: o de guindar a botella ao mar, coa mensaxe dentro, cruzando os dedos para que alguén a recollese nalgunha praia.

Durante esta etapa, varias amigas leron a novela, fixéronme comentarios e propostas máis que interesantes para limar o texto. Foi unha desas persoas, Iria Misa (boa amiga e talentosa escritora), quen me animou a me presentar ao premio Pinto e Maragota. Isto posibilitou que, finalmente, a botella chegase ás mans dun xurado que a valorou como merecedora deste recoñecemento.

Askja é unha historia de amor que se superpón sobre outra de desamor, sobre outra de reclusión, outra de nostalxia, outra de procura da identidade… Son varias novelas trenzadas, distintas capas de papel cebola ou dun arquivo de Photoshop.

Na novela, Ana viaxa coa súa parella Xurxo polo leste de Islandia cando a erupción do volcán Askja pon en pausa a súa vida. Confinada nunha casa de hóspedes mentres agarda a evacuación, o tempo parece dilatarse e a atmosfera faise cada vez máis irreal. Ana aproveita a paréntese para rememorar varios episodios da súa vida e decidir se realmente está namorada de Xurxo.

Exterior da casa de hóspedes onde se desenvolve a acción.
Exterior da casa de hóspedes onde se desenvolve a acción.

Porén, todo cambia cando Karen, unha das hóspedes da casa, decide compartir con Ana a existencia dun cuarto secreto ateigado de caixas de música que conteñen, cada unha delas, o nome dunha muller. Refuxiadas nese cuarto, Ana contaralle unha historia a Karen nun xogo de sedución a través da palabra, creando unha burbulla íntima na que trocan cinza por desexo, abafo por ilusión.

A escolla dunha muller como protagonista non foi casual. Procuraba conscientemente un afastamento entre ela e mais eu. Aínda que é unha novela na que as dúas personaxes principais son mulleres, fala moitísimo de homes, que é o xeito que atopei de falar de min mesmo unha vez que a covardía me impide escribir autoficción. Fala dos homes que fun, dos homes que son, dos homes que me gustaría chegar a ser e dos homes nos que temo converterme. De todos eles.

E fala tamén do desexo. O desexo é un termo moi importante na vida. E na literatura, que é un reflexo deformado da vida, é un tamén un tema capital. O capitalismo estreita o horizonte do desexo ao converter a liberdade nun produto de consumo. Xa a publicidade estadounidense se decatou nos anos 60 desta circunstancia e aproveitouna ao seu favor, nesa época de constante fervedoiro da contracultura. Se desexabas ser unha persoa normal, podías comprar un Chevrolet. Mais se querías fuxir desa “normalidade”, tiñas a posibilidade de comprar unha furgoneta Volkswagen, pintala con flores e ser un hippy. Por un camiño ou polo outro, o consumo limita o noso desexo.

Nun dos flashbacks da novela, Ana enfádase moito cando, tras acabar a carreira, o seu amigo Nico lle propón pasar unha semana en Salou en lugar de facer o Interraíl que tiñan programado. Para ela aquilo era pouco menos que pregarse á normalidade. Talvez por iso, anos despois, decide facer esa viaxe a Islandia. Mais, finalmente, tivo que pagar un billete de avión, o alugueiro dun vehículo, a gasolina para se desprazar, os airbnb onde dorme. É o desexo, de novo, sometido ao consumo.

Faro da illa de Papey lugar importante na historia que Ana lle conta a Karen.
Faro da illa de Papey lugar importante na historia que Ana lle conta a Karen.

Porén, Ana consegue rachar esa dependencia cando o seu desexo lévaa a fabular, a compoñer unha historia para seducir a Karen, a persoa desexada. Esa fabulación será outra trenza máis da novela. De forma paradoxal, a reclusión á que as somete a erupción do Askja outórgalle a Ana posibilidade de amar e desexar libremente, sen ningún tipo de barreira nin muro de contención.

Apetéceme moito que o lectorado se achegue a esta novela e pasee polos cuartos e corredores desta casa de hóspedes de Djúpivogur. En xuño será posible.

1 Comentario. Leave new

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.
You need to agree with the terms to proceed

Outros artigos