Estamos a piques de lle pór o ramallo de loureiro a este ano, polo que é tempo de facer balance, listaxes e seleccións variadas. Velaquí vai a miña no que respecta ás mini-series. Aclarar, iso si, que este Top 5 só contén series estreadas no 2021. Non incluín outras que vin este ano nin novas tempadas de series antigas. Imos aló:

5 WandaVision

Prometín tras ver dun tirón todas as películas do MCU que tardaría tempo en volver caer nese burato negro, mais non me quedou máis remedio que incumprir a miña promesa con esta mini-serie. Por que fixen tal? Ben, para comezar, porque son dous dos meus personaxes Marvel favoritos. Ademais, as recomendacións para que a vise chegaron a eito e desde moi diferentes orixes. E non me decepcionou. Homenaxe ás series familiares estadounidenses ao longo de varias décadas, WandaVision conta cunha trama sólida que prolonga a historia destes dous personaxes. Talvez non ten tanta acción como lle gustaría aos seareiros de Marvel e, talvez por iso, é a miña obra favorita deste universo. Olsen e Bettany están xeniais e destilan sempre unha química especial na pantalla.

Estou vermello de tanto que te quero.

4 The White Lotus

Pásame algo curioso con esta serie. Aínda a día de hoxe non sei dicir por que me enganchou tanto. Foi pola localización? Pola acidez da trama? Por algunhas interpretacións soberbias? Non foi pola súa orixinalidade, iso seguro. Mais ten un algo hipnótico que te obriga a manter a vista en cada un dos seus episodios. The White Lotus é unha serie de tres T: tensa, trampulleira e trepidante; con subtramas ben cosidas e unha habilidade especial para pasar da comedia máis hilarante á serie B máis macabra. Malia ser unha serie moi coral, se teño que resaltar unha interpretación esa sería a de Murray Bartlett.

Ola, ricos noxentos!

3 Mare of Easttown

Imos facer unha serie policial, mais tentando non caer nos tópicos“. “Que propós?”. “Que a protagonista sexa unha muller de mediana idade nun entorno rural onde as relacións da comunidade pesen máis que a propia investigación“.“Iso coido que xa se fixo en Happy Valley…”. “Pero nós temos a Kate Winslet”. “A de Titanic?”. “A mesma”. “COMPRO!”.

Mare of Easttown é un crebacabezas que medra coa suma das súas partes e sostense sobre o lombo dunha Kate Winslet en estado de graza: sombriza, contida, maxistral. Non sorprende, mais ten outras virtudes para se gravar na memoria.

Se no fondo son un amor…

2 Dopesick

Foi unha das últimas series que vin este ano e non sabía que esperar dela. A sorpresa foi maiúscula. Expón dun xeito meritoriamente claro un asunto moi complexo como foi a epidemia de consumo de opiáceos en Estados Unidos causada por Purdue Pharma nos anos 90. E faino equilibrando á perfección a parte documental co drama humano, cunhas interpretacións magníficas entre as que destacan a de Michael Stuhlbarg e Kaitlyn Dever. Dopesick non é un traballo lixeiro porque a información que procesa é moita. Con todo, está o suficientemente ben dosificada para te atrapar nesa espiral de traxedia persoal e colectiva mesturada con serie de policías e avogados.

Vannos saír os cartos polas orellas. Fiádevos de min.

1 It´s a Sin

É a mellor serie do ano? Non o sei, mais si a que máis me prestou e a que deixou en min unha maior pegada. Cinco episodios que nos relatan a vida de cinco amigos no Londres dos 80 e amosa como a aparición da SIDA causou estragos na poboación homosexual. Un relato que é quen de facer rir e chorar, de devastar coa súa traxedia e, á vez, debuxar un sorriso co seu optimismo. Conta, ademais, con secuencias magníficas, desas que fican cravadas na retina, como a da nai de Ritchie (fantástico Olly Alexander!) movéndose polo hospital coma un animal acurralado.

Coido que non me equivoco se digo que It’s a Sin é, até o momento, a mellor obra de Russell T. Davies. Unha homenaxe á alegría de vivir e un furibundo ataque contra a crueldade e a hipocrisía.

Hoxe cantemos, mañá xa se verá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.
You need to agree with the terms to proceed