Tiña pendente gardar no blogue o texto que lin durante a homenaxe a Ramiro Fonte, organizada polo Ateneo Eumés Fernán Martís e celebrada na praza do Convento de Pontedeume o 31 de xullo de 2021. Participei neste acto xunta a Manuel Bragado, Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Fernán Vello, Emma Pedreira, Xulio Valcárcel e Eva Veiga. Isto foi o que dixen:

Bo día,

grazas a todas e a todos por vos xuntar, no mediodía do derradeiro día de xullo, para render homenaxe a quen, para algunhas das presentes, foi un veciño; para outras, ademais, foi tamén unha voz que resoou durante a lectura dos seus libros; e para outras, mesmo un amigo.

Eva Veiga

Cando me chamaron para participar nesta homenaxe advertín que non coñecera persoalmente a Ramiro Fonte nin era tampouco un estudoso da súa obra. A miña palabra, para ser sincera, só podía nacer desde o orgullo de ser o seu veciño e a admiración de ser o seu lector.

Con todo, Ramiro é tamén un dos chanzos que me levaron ao sobrado de escritor que, desde hai uns anos, tento arrombar para o facer máis habitable.

E por que digo isto? Pois porque a primeira presentación literaria á que asistín na miña vida foi a dun libro del; e o primeiro escritor que me asinou unha obra súa, foi el.

Aquela tarde de 1997 achegueime en solitario até o salón de actos da Fundación Caixa Galicia, aquí en Pontedeume, e sentei nas últimas ringleiras, encandeado talvez pola presenza dun “escritor de verdade”, dun autor en carne e oso e voz, que transcendía o simple nome impreso no lombo dun libro. Aquela tarde levei para a casa a súa antoloxía poética Ámbito dos pasos, coma a pega que leva ao niño un reloxo de ouro ou uns brincos.

Non me atrevín, naquel momento, a lle pedir que mo asinase. Miña nai deulle despois o libro á súa e esta deullo a Ramiro, quen, logo de asinalo, devolveumo invertendo os elos da cadea.

Atesourei aquel volume coma o cofre que garda anaquiños dunha memoria compartida: da vila, das prazas, das galerías, da ría, da ponte. Contiña “as calellas que soben os pasos cara ao ceo e as calellas que baixan ao mar os mesmos pasos”.

“Sei que está o que permanece”, dixo nun verso. E o agarimo dos amigos e as amigas, así como a admiración de todas cantas o lemos, permanece. E mesmo agroma con máis forza este mediodía de agosto.

Oxalá, máis cedo que tarde, nos xuntemos todas de novo para celebrar o Día das Letras Galegas dedicado a Ramiro Fonte.

Saúde!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.
You need to agree with the terms to proceed