un señor de providence

Un día déuseme por escribir unha novela chamada Querido H. P. Lovecraft. Non era este título unha declaración de intencións, xa que non son un seareiro apaixonado do vate de Providence. Con todo, é innegábel que este señor -racista, puritano, misóxino- engadiu ao terror novas marcas de xénero que despois se repetiron, unha e outra vez, na literatura, no cinema, na banda deseñada, nos videoxogos…

Teño un amigo que afirma sen pudor que a mellor novela de Lovecraft escribiuna Stephen King. Eu, con menos pudor aínda, reivindico a Agustín Fernández Paz como un grande alambique do imaxinario lovecraftiano, que destilou marabillosamente en Aire Negro, Cartas de Inverno ou A neve interminable. Así, nestas obras aparecen teimas claramente lovecraftianas, como a difusión da fronteira entre a loucura e a realidade, as alteracións á lei natural ou a imposibilidade de fuxir do propio destino, adoito tráxico. 

agustín
Agustín

Porén, estas concordancias no temático non se repiten no estético. Se a prosa de Howard Phillips era crecha e arrevesada coma a la dunha ovella de Rhode Island, a de Agustín era a melena dun elfo de Lothlorien: fina e suave. Non en van dicía o de Vilalba que os textos había que peitealos con paciencia, unha e outra vez, até lles desfacer todos os nós.

Ao lembrar a Agustín Fernández Paz decátome de que as autoras galegas de LIX da miña xeración non matamos pai ningún. Tampouco nai. Se cadra impedíunolo a gratitude. Creamos gorecidas polas árbores que plantaron Paco Martín, Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo, Concha Blanco ou o propio Agustín, entre outros e outras. Como primeira xeración escolarizada en galego, nacemos á lectura coas súas obras, e estas ficaron dentro de nós como o humus onde xermolan as nosas historias. A maiores, o noso substrato contén influencias tan diferentes como diferentes somos nós. De Astrid Lindgren a J. K. Rowling; de Tolkien a Tim Burton; de David Bowie ao Bravú; de Tintín ao steampunk; dos contos das avoas ás experiencias como erasmus; dos electroduendes ao anime xaponés.

hayao
Hayao

E falando de anime: nunha entrevista do 2011, o cinéfilo Agustín Fernández Paz confesábase seguidor das historias de animación de Hayao Miyazaki. Fascíname esa conexión entre Toquio e a Terra Chá! A obra destes dous creadores partilla ingredientes moi gorentosos, como a fascinación pola memoria ou a revisión dos roles de xénero.

Coido que, no futuro, vou empregar esta conexión no meu proveito. Confeso que cando finalizo un texto de LIX fago unha cousa moi parva e un chisco presuntuosa: «o test Miyazaki». O invento consiste en valorar se a miña historia podería servir de base para un filme do xaponés. A partir de hoxe, ao peiteado final dos meus textos, nos que comprobo que non fiquen enguedellos, voulle chamar «o test Agustín». Será un xeito fermoso de os xuntar para celebrarmos o nacemento dun novo libro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.
You need to agree with the terms to proceed