Janet Novás, protagonista do filme.

Conseguín chegar a O corno sen demasiada información sobre o filme, polo que me encontrei con varias sorpresas agradables. A primeira foi descubrir entre o elenco a María Lado, nun papel secundario, mais relevante.

O filme, tremendamente físico, sitúa o corpo das mulleres como escenario principal da trama. Hai secuencias de parto, de aborto, de sexo… nas que o corpo feminino é territorio sensorial, de loita e angustia, de desexo e pracer, de dor e pecado.

Escoitei en Radio 3 unha entrevista a Jaione Camborda, a súa directora. Explicaba como, tras un minucioso casting, elixira a bailarina Janet Novás como protagonista porque necesitaba que a personaxe tivese unha relación moi física coas outras mulleres da historia. Grandísimo acerto! Os movementos de Janet, ao son das ondas, das contraccións, das compulsións corporais, elevan o filme até un andar superior.

Todo isto, claro, alicerzado nun guión que flúe como ese río que serve de fronteira entre realidades. A película preséntase como unha road movie, mais é moito máis ca iso. Supoño que todas as boas road movies transcenden os límites do xénero. Ten tamén un aquel de wéstern, de historia de fronteira na que unha fuxitiva carga cun pesado macuto de arrepentimento, malia actuar sempre en base á súa conciencia.

Porén, é sobre todo unha historia de mulleres, pensada por unha muller e interpretada por un elenco marabilloso. Un berro xordo contra a violencia. Unha grilanda de corpos, desas nas que se recorta unha silueta e, ao estirala, todas se dan a man e fican unidas. Mulleres axudándose a parir, a abortar, a mariscar, a fuxir, a sobrevivir. A grilanda racha nun momento dado e dá lugar ao conflito principal da historia. Con todo, hai un cheiro fermoso de compaixón e agarimo no medio desta illa de tristura.

O filme é de impacto rápido e dixestión lenta. Bateume forte. Días despois, aínda me latexa furioso nas tempas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.
You need to agree with the terms to proceed