Quixo onte a casualidade que acabase as dúas series que estaba vendo: The Durrells e The Serpent.

No caso da primeira, narra de xeito libre os catro anos que a familia Durrell pasou en Corfú, antes de que o estoupido da Segunda Guerra Mundial a obrigase a retornar a Inglaterra. A serie é unha celebración da vida, da amizade e da diferenza. Perdóanselle os seus pecados (que os ten, e non poucos) polo moito que che dá nese sentido. É pura luz e vitalismo, e durante as súas catro tempadas sitúanos nun paraíso amable que nos permite partillar as extravagancias da familia e os seus achegados.

Hai, asemade, que destacar o marabilloso casting co que conta esta pequena xoia da BBC, que interprentan uns diálogos cheos de humor e talento.

The Serpent, pola contra, é unha mini-serie coproducida por Netflix e a BBC que, baseada en feitos reais, narra a historia de Charles Sobhraj, un comerciante de xemas francés, e a súa parella Marie-Andrée Leclerc. Durante os anos 1975 e 1976 viaxaron por Tailandia, Nepal e India cometendo unha serie de asasinatos de mozos e mozas occidentais que viaxaban polo Sueste Asiático. Paralelamente, describe a investigación e obsesión de Herman Knippenberg, un subalterno da embaixada holandesa en Bangkok, a raíz de bater coa historia do asasinato dunha parella de compatriotas nesa mesma cidade.

Ao igual que The Durrell, a serie amosa tamén un paraíso, mais neste caso envelenado e claustrofóbico. Un edén negro que acaba mudando os soños en pesadelos.

Malia o formato de mini-serie, a historia acaba facénsose longa. O xeito elixido para narrar os distintos acontecementos, con constantes saltos no tempo, vólvea confusa e ás veces tediosa. Fiquei, no seu final, coa sensación de que estragaran unha historia moi potente por mor de erros na interpretación e desacertados acentos narrativos. Unha mágoa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.
You need to agree with the terms to proceed