O pasado sábado 1 de xuño tiven a inmesa honra de exercer como pregoeiro no Castelo Folk, celebrado a carón do castelo de Nogueirosa, moi preto dese Lugar do Sapo que lle dá nome a este blog. Velaquí o texto que lin.
Moi bo serán á veciñanza de Nogueirosa. Moi boa tarde ás e aos visitantes que hoxe vos achegastes a este lugar que para min é patria. Porque se a patria última das persoas a conforman os seus recordos, esta contorna é a capital do meu país, a faísca que prende o candil da miña memoria.
Desde o castelo de Nogueirosa, empoleirado na pena Leboreira, vese ao outro lado do arco ártabro o faro de Hércules. Estas dúas torres constitúen os polos das miñas vivencias. Disque o faro da Coruña o ergueu Breogán, e o seu fillo Ith viu desde o seu curuto as terras da Irlanda, alén do mar. Seica o castelo de Nogueirosa o construíron os mouros nunha soa noite, se cadra para custodiar os fabulosos tesouros que eses seres acumulan.
Se acudides aos libros, a historia oficial contaravos outras cousas. Facédelle caso aos libros, se así vos presta. Mais non esquezades xamais as lendas.
As lendas son as pegadas que fican en nós de cantos e cantas nos precederon. Por iso me gustan eses relatos sobre Breogán e sobre os mouros, porque me lembra que estamos feitos de historias.
Nos vellos tempos, cando vivía no Lugar do Sapo, non moi lonxe de aquí, o castelo de Andrade era a agulla que marcaba no horizonte a saída do sol. Hoxe no Lugar do Sapo os eucaliptos tapan a vista do castelo. Mais a súa presenza segue aí; eterna, agochada tras o muro das árbores.
O castelo era, asemade, o destino das primeiras aventuras. A rapazada da contorna tiñamos ben perto un lugar mitolóxico ao que fuxir do cotiá. Aquí procurabamos, incansables, a entrada daquel túnel que disque o conecta co torreón da vila. Buscabamos no patio, na muralla, neste campeiro, nos montes dos arredores… Mais o túnel nunca apareceu. Con todo, ese pasadizo existe. Lembrade que esta noite temos a obriga de crer nas lendas.
Outro dos nosos pasatempos favoritos era gabear polos penedos do castelo. Nunha das rochas do patio hai un oco tallado que semella un asento. Nunca souben da utilidade daquel burato. A min, de neno, pareceume que tiña o tamaño perfecto para o meu cu. Así que, decidido, trepei pola rocha até sentar naquel alto trono de pedra. Que gran sensación! O problema presentouse cando quixen baixar… Debín de botar alí enriba unha hora enteira, disimulando o meu medo sen me atrever a tentar a baixada, e esquivando a insistencia dos amigos que me apremaban a deixar o sitio libre para sentar eles.
Noutra destas excursións o tempo escoounos entre as mans coma a area. A noite botouse enriba, polo que –arrodeados de escuridade –non puidemos atallar polos montes e tivemos que dar volta e baixar pola estrada do Sueiro. Nos distintos lugares do Castelo organizárase xa unha brigada de busca. Non chegaramos aínda ao Lugar da Viña cando batemos coas nosas buscadoras. O ruxerruxe das nosas voces polo monte abaixo calmara a súa angustia, mais non o seu cabreo. A rifa foi das que marca época. Con todo, o verniz da aventura adozou aqueles berros. Pagara a pena!
Anos despois comecei a escribir libros. Libros para nenas e nenos, principalmente. E ante a vertixe da folla en branco que sempre aparece ao comezar unha novela, botar man do coñecido sempre é aconsellable.
Así, Nogueirosa, disfrazada ou coa cara descuberta, aparece en case todas as historias que fun quen de escribir.
En Xildas, o meu primeiro libro, unha cuadrilla de rapaces e rapazas axudan un trasno a volver ao lugar onde os trasnos viven, que son os montes. A cuadrilla comeza a súa viaxe nunha vila que ben podería ser Pontedeume, atravesan unha parroquia que ben podería ser Nogueirosa, pasan polo Lugar do Sapo (este nome non o cambiei) e chegan a un bosque que ben podería ser este que arrodea o castelo, onde o trasno Xildas fica a vivir. Por suposto, no final da historia a noite bótase enriba dos rapaces, que acaban apañando unha boa rifa por parte dos seus maiores (a que vos soa esta historia?).
E aínda que nalgúns dos meus escritos fuxo do cotiá, hai sempre unha áncora que me fixa a esta bisbarra.
Por exemplo: Tártarus é unha novela fantástica que escribín para o lectorado xuvenil. A historia transcorre en dous mundos ficticios: un situado na superficie e outro subterráneo. Pois ben, eses dous mundos están comunicados por un longo túnel (a que tamén vos soa esta historia?). O túnel parte, segundo se conta no libro, “dunha torre formada por grandes bloques de pedra parda, de cuxos costados parte unha muralla que, como dous brazos, arrodea un patio que comunica co exterior a través dun arco cun portón de reixa”. Aquela torre, ben o sabedes, é o castelo de Andrade.
Ultimamente son menos sutil. Deben de ser os anos, que achican a vergoña. Así, na miña última novela, O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, o nome da miña parroquia aparece xa no título. E por que non? Se é ben bonito!
Así que hoxe xogo na casa: no xeográfico, no emocional e no creativo. Mais xogo tamén na casa no musical!
Durante anos, a música tradicional foi unha peza fundamental da miña vida. Formeime como tamborileiro en Airiños do Eume e licencieime como tabernícola en Choupa na Lama. Como afeccionado, fun asiduo aos festivais de Pardiñas, Ortigueira, a Carballeira de Zas ou aquel efémero Festival Moroñó que situou Pontedeume no mapa galego do folk.
Naquela altura, soñaba decote cun festival folk neste lugar onde hoxe estamos, porque sabía que non existía no mundo un lugar máis fermoso para armar unha boa festa. Por iso, teño que darlle as grazas a todas as persoas que levades xa catro anos facendo realidade aquel vello soño.
Esta noite gozaremos da música de tres grupazos:
Comezaremos a enchente musical con T.N.T., siglas de “Tanto nos ten”, que chegan desde Redondela, na comarca de Vigo, para ofrecernos un estoupido de música tradicional furtiva co que farán tremer os alicerces do castelo de Nogueirosa. Músicas e letras propias e do saber popular, retranqueiras, de escarnio e comprometidas co país, completan unha proposta a base de pasodobres, foliadas, muiñeiras e outros ritmos bailables.
E despois de abrir o apetito con T.N.T., chega o segundo prato: Faíscas da Pontraga. Desde Tordoia, na comarca de Ordes, ofrecerannos un gorentoso primeiro prato a base de murga e charanga tradicional. Como moitos outros grupos galegos, Faíscas da Pontraga tivo a súa orixe nun cuarteto conformado para participar nun concurso. Iso foi no 2002 (xa choveu!). Desde entón fóronse incorporando novos integrantes e novos instrumentos. Na primavera de 2016 presentaron ao mundo o seu primeiro traballo discográfico, “VELAÍ BEN!!”, co que viaxaron por distintos países de Europa e América para sementar a nosa música tradicional polos catro recantos do planeta.
E por último, veciñas e veciños, chega o intre máis agardado polos larpeiros: a sobremesa! Pan de Capazo é unha banda madrilega cunha oferta musical afastada de convencionalismos. Melodías tocadas con antigos instrumentos acústicos, como gaita húngara, alboka vasca, kaval moldavo, clarinete ou zanfona, artellan un son con influencias da música balcánica, celta e progresiva que, no seus 18 anos de vida, levounos a percorrer Europa en varias ocasións.
Conta o Castelo Folk cun cartaz de luxo, polo que quero dar as grazas á Xente de Aquí e de Acolá. Grazas de parte do Fondo de Esteiro e do Castro; de Goive e da Cruz do Cabildo; do Lugar da Viña e de Figueirido; da Graña, de Cabría Vella, de San Cibrao, da Lameira, do Camiño Vello e de todos cantos lugares e rueiros conforman esta parroquia.
Así que… (e quero oír aquí os vosos berros):
Viva o Castelo Folk!!!
Viva Nogueirosa!!!
Saúde!