Este 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil, é un bo momento para facer balance da visita á Feira de Boloña. Xa vos anticipo que van ser unhas reflexións un chisco de patacón, sacadas do abraio dun autor de LIX que por vez primeira visitaba a feira. Se quixerdes unha visión máis profesional e experimentada, recoméndovos que leades este artigo de Brétemas, o blog de Manuel Bragado.
Así que, sen máis dilación, imos xa coas ideas que fun anotando:
- O primeiro que chama a atención é o inabarcábel tamaño do evento que, se non te organizas un chisco, pode chegar a atafegar. Estamos a falar dunha feira con máis de 24.000 m2 de recinto expositivo, con 1.278 expositores, máis de 100 países representados, uns 850 xornalistas acreditados e máis de 30.000 visitantes.
- China foi o país convidado desta edición, e desembarcou en Boloña con todo o seu poderío económico, creativo e demográfico. O seu enorme stand, cun deseño atractivo e multitude de propostas, facían da parte chinesa case unha feira dentro da propia feira.
- É de xustiza suliñar a presenza galega na feira. A Asociación Galega de Editoras deu un paso adiante e, malia carecer do apoio da administración, conseguiron que a LIX galega estivese dignamente representada en Boloña. Non quero incidir no manido discurso do auto-odio, mais mentres aquí temos que escoitar día si e día tamén diatribas sobre a subvencionada cultura galega, resultaba curioso observar o apoio público co que contaban os outros países. Seguramente neles non se dubida da importancia estratéxica do sector do libro.
- Chamoume a atención a posta en valor dos proxectos distintos e pequenos fronte ás grandes multinacionais do sector. Resulta tremendamente didáctico comprobar como algunhas propostas conseguían destacar no inmenso océano da feira a base de creatividade e talento. Véñenme agora á cabeza os stands de Finlandia e o da editora portuguesa Planeta Tangerina, mais había outros moitos.
- Ir paseando pola feira e bater, de súpeto, cun visitadísimo stand que reza Kalandraka (Pontevedra) causa unha grande impresión. Só cabe felicitar a esta editora, cando se cumpren vinte anos do seu nacemento, por todo o que leva acadado.
- Foi un pracer poder saudar a algúns dos editores galegos alí desprazados, como Manuel Bragado, Nacho Chao ou Quique Alvarellos.
- Desde un punto de vista de fan, foi tamén unha grande honra partillar espazo con ilustrador@s aos/ás que admiro, como Ana Juan, Gabriel Pacheco ou Catalina Sobral, puidendo conseguir sinaturas nos seus libros.
- Finalmente, de todos os proxectos que puidemos coñecer nas presentacións, gustaríame destacar dúas revistas dedicadas ao público infantil: a portuguesa Triciclo, froito da colaboración d@s ilustrador@s Ana Braga, Inês Machado e Tiago Guerreiro; e a española ¡La leche!. Convídovos que lles botedes un ollo a estas propostas e comprobedes como se pode facer xornalismo cultural rigoroso e divertido para un público infantil.