Teño as miñas rarezas, ben o sei. Algunhas non son como para presumir delas, mais hai outras máis fáciles de desculpar. O vixía no centeo é unha delas. Lin este libro por vez primeira aos catorce anos, como lectura obrigatoria en primeiro de B.U.P. Deste entón conservo a liturxia de lelo de novo cada Nadal, coincidindo co período relatado polo seu protagonista. Ademais, desde hai uns anos comecei a coleccionar o libro en varios idiomas. Esta colección, aínda breve, conta ademais de dúas orixinais en lingua inglesa, coas traducións ao galego, portugués, italiano, catalán, ucraíno, alemán, polaco e dúas ao castelán.

bst
Holden políglota.

Talvez non sexa a mellor obra de Saliger, tecnicamente inferior a calquera relato da familia Glass. Disque o mesmo autor afirmaba que pasou dez anos escribíndoa e o resto da súa vida arrepentíndose. Conta tamén coa súa propia lenda negra, tendo aparecido no escenario de diferentes e célebres crimes.

Malia iso, é moito o que teño que agradecerlle a este libro. A través del e de As Aventuras de Sherlock Holmes introducinme no pracer da lectura, que aínda conservo. Por iso gozo cada Nadal volvendo acompañar a Holden no seu periplo neoiorquino. É unha parvada nostálxica, seino. Mais gusto dela.

Na lectura deste ano déuseme por anotar as distintas cancións que son nomeadas ao longo do texto. A maioría corresponden a composicións de jazz, o estilo que contaba con maior popularidade entre a xuventude norteamericana da década dos 40.

Velaquí a listaxe:

Song of India e Slaughter on Tenth Avenue

Stradlater púxose a asubiar Song of India mentres se barbeaba. Tiña un asubío deses que lle atravesan a un o tímpano. Desafinaba moitísimo e, aínda por riba, sempre elixía cancións como Song of India ou Slaughter on Tenth Avenue que xa son difíciles de por si até para os que saben asubiar.

Just one of those things

Buddy Singer e a súa orquestra tocaban esa canción que se chama Just one of those things, e por moitos esforzos que facían non conseguían estragala de todo.

Little Shirley Beans

Quería comprarlle a Phoebe un que se chama Little Shirley Beans. Era moi difícil de atopar. Tiña unha canción dunha nena que non quere saír da casa porque lle caeron os dentes de diante e dálle vergoña que a vexan. Ouvírao en Pencey. Tíñao un compañeiro meu e quixen comprarllo porque sabía que á miña irmá gustaría moitísimo del, mais o tío non quixo vendermo. Era unha gravación formidable que fixera facía como vinte anos esa cantante negra que se chamaba Estelle Fletcher.

 [Esta canción é unha invención de Salinger. Si existiu unha cantante chamada Estelle Fletcher, mais nunca gravou un disco chamado Little Shirley Beans.]

Tin Roof Blues

Ás veces dáballe polo clásico, mais polo xeral era algo de jazz. Collía unha canción como por exemplo Tin Roof Blues e a asubiaba tan ben e tan suavemente ―mentres penduraba as súas cousas no armario ―, que era xenial ouvilo.

Smoke Gets in Your Eyes

Entón o carrusel púxose en marcha e vina xirar. Nesa volta subiran só cinco ou seis nenos, e a música era Smoke Gets in Your Eyes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.
You need to agree with the terms to proceed