A amiga que odia a Paul Auster

Teño unha amiga que odia a Paul Auster. Hai anos tivo unha parella que, no intre da ruptura, se presentou con Brooklyn Follies como agasallo de despedida. «Quen leva un libro para deixar a alguén?», dicía chorando. «E aínda por riba do puto Paul Auster!»

Así foi como esa novela rexeitada acabou na miña biblioteca, no mesmo andel que a triloxía de NY e outros libros daquel período no que Auster foi o meu escritor favorito, alá polos 90. Coñezo moita xente que compartiu esta mesma fascinación nalgún momento da súa vida.

Auster axudou a construír no meu imaxinario unha cidade mitificada, a sombra destilada da súa homónima mortal. Fíxoo da man de Patti Smith, de Capote, de Scorsese, do acento francés de Nico ou das divagacións de Salinger. Vin fascinado Smoke, o filme que creou xunta Wayne Wang, e acabei comprando a edición do Conto de Nadal de Auggie Wren (o marabilloso voyeur fotográfico interpretado por Harvey Keitel) ilustrado pola arxentina Isol. Resulta imposible esquecer a voz crebada de Tom Waits mentres canta o Innocent When You Dream, a banda sonora desta curtamentraxe dentro da película.

https://www.youtube.com/watch?v=kcU6lvF5Eco

Descubrín non hai moito que Auster era seareiro dos Knicks, un equipo perdedor envolto en ouropeis; talvez unha metáfora da cidade que representa. Onte os Knicks xogábanse o paso á segunda rolda dos Play Offs. Gañaban por seis puntos a falta duns segundos para o final. Tíñano feito. Acabaron perdendo na prórroga mentres Auster finaba nesa mesma illa.

Eu espertei hoxe con resaca e con ambas noticias no meu teléfono móbil. Onte apenas bebín dúas copas de viño na cea e un par de cervexas durante os concertos de Pava e Anxo Araujo na Mardi Gras. Mais como dicía Auggie Wren: “O tempo avanza ao seu ritmo mesquiño”.

Lucía Aldao á fronte de Pava no concerto do 30 de abril na sala Mardi Gras da Coruña.

Voulle escribir un whatsapp á miña amiga que só diga “morreu Auster”. A ver que contesta…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.
You need to agree with the terms to proceed