-
Para ver a cara dos camareiros cando lles pides “un café con leite morno” ou “milfollas de sobremesa”.
-
Para contaxiar a outros/as falantes. Si, falar galego pode ser contaxioso. Talvez non tanto como a mononucleose ou a clamidia, mais si como un catarriño leve.
-
Para que os taxistas te chamen “galleguista” cando lles pides que te leven á rúa San Xosé. De dubidares da túa orientación política, este é un bo método para lembrala.
-
Para ligar. É ben sabido que moitas/os rapazas e rapaces da Coruña non se learían cun/ha galegofalante. Mais ti quererías contacto físico con esa xente? Non o dubides, o galego serve de peneira!
-
Para obter unha licencia para rexentar un casino cando os/as galegofalantes acabemos nunha reserva.
-
Para o sexo. As/os galegofalantes son altamente competentes como amantes. Isto non ten base científica ningunha, mais de espallarse esta lenda urbana sería o fito máis importante da normalización desde o Xabarín Club.
-
Para poder dicir, con naturalidade, “colo”, “pota” ou “reseso”. As palabras acaban por se deprimir cando as usas nun contexto estraño. Faino por elas!
-
Para que alguén che diga “aunque hable en castellano soy tan galleg@ como tú”.
-
Para ver a cara que poñen na billeteira do cinema cando pidas un sitio “na derradeira ringleira”.
-
Para non dicir mamalonadas como “rajo”, “Arteijo” ou “jurelo”.
-
Para te sentir membro dunha sociedade secreta, como os masóns, os illuminati ou os cabaleiros jedi.
-
Para confraternizar cos vellos no Campo de Marte. Se tes sorte, até é posíbel que te conviden a un cacho de pan reseso do que lle dan ás pombas.
-
Para cando che digan “el gallego no sirve para nada”, poder responder: “Ti estásme entendendo. Así que para algo xa serviu”.
-
Para lle lembrar á xente onde vive. Ás veces, entre tanta Feria de Abril e Oktoberfest, é difícil decatarse.
-
Para que che pregunten se es do Bloque ou da aldea.
-
Para nos decatar de que non somos tan poucos. Na fin de contas, que haxa case 40.000 galegofalantes na cidade non é “muck of turkey”, que diría sir Paco Vázquez (ese señor que se disfraza de Magneto cando posa para un cadro).
-
Para facelo porque si, porque che gosta, porque che peta e queres e dáche a gaña porque che sae de dentro, alá do fondo.
-
Para ter esperanza. Porque de fe e caridade imos sobrados…
Todas as situacións expostas están baseadas en feitos reais. Ningún/ha galegofalante resultou ferido/a durante a realización deste artigo. Para comezar a falar galego non é preciso consultar con médico/a ou farmacéutico/a ningún/ha.