A Islandia –coma a Santo André de Teixido –recoméndase ir de vivo, porque senón irás de morto convertida nunha foca ou nun bacallau. Mais como entendo que non é sinxelo desprazarse até ese penedo ártico, partillo aquí –a xeito de bula que atenúe a nosa penitencia –once formas de viaxar até aló musicalmente. Son os xeitos máis obvios de facelo, talvez os camiños máis coñecidos. Existen outros moitos que vos convido a explorar pola vosa conta. Comezamos!

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Este son eu por Islandia, gravando un videoclip.

Björk

Islandia é un estado independente configurado en forma de república, mais cunha raíña incuestionable: Björk Guðmundsdóttir. Cantautora, actriz, DJ, produtora… Björk reinvéntase en cada proxecto que acomete. Aos 5 anos ingresou no conservatorio e con 10 gravou o seu primeiro material discográfico. Coa axuda do seu padrasto, editou un disco de versións que gozou dunha enorme popularidade en Islandia e que nunca se editou en CD, polo que é un obxecto de culto para coleccionistas.

Björk formou parte de varias bandas até acabar en The Sugarcubes. En 1993 lanza Debut, o seu primeiro álbum en solitario co que alcanza o éxito mundial. Ademais dunha voz portentosa, quen de cubrir tres escalas, o proxecto musical de Björk compleméntanse cun uso exquisito das artes plásticas e visuais, unhas actuacións en directo que derivan en comunión onírica e a utilización das novas tecnoloxías ao servizo das súas composicións.

https://www.youtube.com/watch?v=Ol_0srrhkKA

Sigur Rós

Desde o 2013 leva esta banda sen agasallarnos cun novo traballo. Iconas do post-rock, Sigur Rós son uns magos na creación de atmosferas e melodías melancolicamente luminosas (ou luminosamente melancólicas). A súa música non pretende narrar unha historia, senón situarte nun escenario concreto onde ti, ouvinte, deberás imaxinar o acontecido. Estes sons mestúranse coa voz de Jónsi, cuxas tonalidades agudas completan o son da banda. Moitas cancions de Sigur Rós están cantadas en Volesnka (Lingua da esperanza). O vonlenska carece de estrutura gramatical ou dun campo semántico. É, basicamente, unha sucesión de sílabas cun sentido estritamente melódico. Así, o conxunto dos instrumentos e a voz son unha base para as emocións e os os pensamentos d@ ouvinte. Cada un é libre de interpretala ao seu xeito. Sen ataduras, sen marcos preestablecidos. A partir deste principio, da gorxa de Jonsi saen melodías abstractas, melódicas, que procuran a vibración do espírito en todas as cores do espectro.

Of Monsters and Men

Talvez esta sexa a proposta máis convencional desta lista de embaixadores da terra do lume e o xeo. Of Monsters and Men é unha banda de indie-folk orixinaria de Garður, no suroeste da illa. Despois de gañaren a “Músiktilraunir” do 2010 (unha competición para bandas islandesas) o grupo foron sinalados pola revista Rolling Stone como “os novos Arcade Fire” (maldito favor lles fixeron…).

Xa choveu desde a publicación do seu segundo e (até o de agora) último traballo, Beneath The Skin (Republic Records, 2015), que ficou moi lonxe das espectativas creadas a partir de My Head Is an Animal (Republic Records, 2011), o seu primeiro traballo. Porén, este mes de maio Of Monsters and Men veñen de presentar Alligator, sinxelo adianto do seu vindeiro disco que promete uns sons máis crus e enérxicos.

Emilíana Torrini

De pai italiano e nai islandesa, Emilíana Torrini leva facendo música en Reiquiavik desde 1995. Con todo, até 2005, con Fisherman´s Woman, non logrou que un disco seu saíse das fronteiras escandinavas para se converter nunha das estrelas máis importantes do seu país.

Un par de anos antes cantara Gollum´s Song para banda sonora de O Señor dos Aneis: as dúas torres. Björk fora proposta inicialmente para esta interpretación, mais non puido gravala polo estado avanzado do seu embarazo. En 2009 lanzou o seu sinxelo máis popular: Jungle Drums. Máis recentemente, colaborou en varias ocasións coa banda de música electrónica GusGus (da que falaremos a continuación).

GusGus

Desde a súa fundación no ano 1995 os membros de GusGus cambiaron con regularidade. Entre os máis famosos poderiamos citar a Emilíana Torrini (da que xa falamos) e Hafdís Huld. Desde entón, a súa determinación pola estética electrónica plasmouse en dez discos nos que GusGus ofreceu, álbum tras álbum, a súa revitalizante visión ao xénero. O recoñecemento internacional chegaríalles en 2003 co seu sinxelo David, que chegou a ocupar o número 52 da lista de sinxelos do Reino Unido.

En 2018 volven a súa esencia coa publicación do álbum Lies are more flexible (NoPaper Records) co que conseguiron a sinerxía perfecta entre o experimental e a electrónica de baile. O seu discurso máis tradicional pode enmarcarse no techno, o trip-hop ou o house, mais durante os seus máis de vinte anos de traxectoria houbo multitude de desvíos destes dogmas. Actualmente GusGus está composto polos seus membros fundadores: Biggi Veira e Daníel Ágúst.

Ólafur Arnalds

Un dos proxectos máis fermosos, sentimentais e nostálxicos da presente industria islandesa é Ólafur Arnalds. Un mozo de 32 anos que leva desde o 2007 a nos marabillar cos seus discos de estudio, completamente instrumentais, nos que xoga cun estilo minimalista (na corda de Arvo Pärt) cun piano, tratamentos con cordas e elementos electrónicos. O pasado 2018 lanzou o seu último álbum, re:member, un traballo compacto até o derraderio acorde, que non rebaixa nin un instante a carga emotiva que desenvolve en cada unha das súas composicións. re:member esta composto co novo software Stratus que o propio Arnalds desenvolveu. Esta ferramenta consegue “transformar o piano nun instrumento novo, único”, tal e como o seu autor explicou.

Sóley

Sóley Stefánsdóttir naceu en Hafnarfjörður, un suburbio de Reiquiavik, en 1987. En 2011 lanzou o seu disco debut, We Sink. O seu estilo mestura folk con dreampop e cabaret. En 2015 lanzou o seu segundo disco, Ask the Deep, que recolleu excelentes críticas, e en 2017 veu a luz o seu último álbum até o de agora, Endless Summer. Os tres discos saíron baixo o paraugas do selo Morr Music.

A súa proposta pode chegar a ser tan cativante e fermosa como aterradora. As letras das súas cancións xogan normalmente con descricións de escenas violentas e desacougantes, polo que a súa proposta non gusta a todos os públicos. Porén, estas imaxes agréganlle un estilo moi poético aos seus discos.

Sóley é unha das compoñentes do grupo Seabear, do que falaremos a continuación.

Seabear

Seabear empezou como un proxecto en solitario de Sindri Sigfússon (nome real de Sin Fang) que finalmente terminou xuntando seis membros máis, entre as que se encontra Sóley. A banda obtivo unha atención mediática sen precedentes grazas ao seu disco debut autoproducido, In Me On Sundays. , que conseguíu chegar até Inglaterra e impresionar os críticos daquel país. The Clash, por exemplo, definiunos como “Sufjan Stevens combinado cunha sesión acústica de Arcade Fire” e Rolling Stone alcumounos “os Beck islandeses“. Os seus seguintes dous discos foron lanzados por Morr Music (como non!) e obtiveron certo grao de popularidade grazas ao uso dos seus temas en películas e series de televisión como Greys Anatomy, Finding Neverland ou Gossip Girl.

Pascal Pinon

Con só 14 anos, as xemelgas Ásthildur e Jófríður Ákadóttir produciron, editaron e compuxeron o seu álbum debut homónimo en 2009, que recibiu unha moi boa recepción crítica no underground islandés e que obtivo a atención de Alex Somers, parella de Jónsi e alto creativo en Morr Music. Así, os seus seguintes tres discos de estudio (Pascal Pinon, Twosomeness e Sundur) foron editados por Morr Music e acadaron unha atención in crescendo tanto fóra como dentro do seu país.

O estilo de Pascal Pinon, definido como folk electrónico, é decote comparado co da mesmísima Björk.

Sin Fang

Proxecto solista de Sindri Már Sigfússon, fundador de Seabear, que lanzou xa cinco discos de estudio: Clangour (2008), Summer Echoes (2011), Flowers (2013), Spaceland (2016) e Team Dreams (2017). Todos os traballos, editados por Morr Music, foron aclamados e outorgáronlle un nome internacional ao seu compositor fóra da banda que o levou á fama en Escandinavia.

Sin Fang está influenciado por artistas e bandas como Nick Drake ou Elliott Smith. O seu estilo lembra a Deerhoof, Sufjan Stevens ou Dungen. Sigfússon adoita combinar o pop e o indie rock moderno con elementos folclóricos tradicionais islandeses. Mentres que en Seabear segue máis directamente o rego do indie folk, no seu proxecto en solitario amosa o seu lado máis experimental.

Jóhann Jóhannsson

E finalizamos esta viaxe con alguén que xa deixou este mundo de tolos. Jóhann Jóhannsson foi un compositor islandés que publicou discos en solitario e compuxo a música para dúas ducias de películas.

Este estraño e sufrido compositor combinou sons clásicos con música electrónica nas galardoadas bandas sonoras de The Theory of Everything, Sicario, Arrival ou Mother!. Jóhannsson faleceu o 9 de febreiro de 2018 no apartamento berlinés onde residía, aos 48 anos de idade.

En 2016 Jóhann asinara pola Deutsche Grammophon, a través do cal lanzou o seu último álbum en solitario Orphée. O seu derradeiro traballo foi a banda sonora do filme Mary Magdalena.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.
You need to agree with the terms to proceed