Ola! Grazas por visitar a miña páxina web. Son un escritor galego e aquí atoparás información sobre as miñas novelas, unha galería de fotos, respostas a preguntas frecuentes e outros ingredientes do meu universo literario. Goza da estadía!
Último libro publicado
Askja
Ana viaxa polo leste de Islandia con Xurxo, a súa parella, cando a erupción do volcán Askja pon en pausa a súa vida. Confinada nunha casa de hóspedes mentres agarda a evacuación, o tempo parece dilatarse e a atmosfera faise cada vez máis irreal. Ana aproveita a paréntese para rememorar varios episodios cos homes da súa vida e decidir se realmente está namorada de Xurxo. Porén, todo cambia cando Karen, unha das hospedadas, decide compartir con Ana a existencia dun cuarto secreto ateigado de caixas de música. Desde ese momento orixínase entre elas un xogo de sedución a través da palabra e crean unha burbulla íntima na que trocan cinza por desexo, abafo por ilusión. «Askja» é unha novela impregnada de nostalxia e tenrura, unha historia de amor que demostra como as cicatrices sandan máis facilmente cando se comparten


SOBRE MIN
Biografía
Nacín baixo a sombra do castelo de Andrade, que se ergue en Nogueirosa, sobre un outeiro. De neno comecei a procura do túnel que seica conecta ese castelo co de Pontedeume, e dalgún xeito aínda o fago cando imaxino historias.
Vivín en varios lugares ata acabar no barrio coruñés de Monte Alto. Dediqueime, entre outras cousas, a dar clases de matemáticas, estudar enxeñaría, adoptar un gato, construír parques eólicos, ver películas de Miyazaki e escribir como forma eficaz de vivir outras vidas. Publiquei unha chea de libros, algúns dos cales gañaron premios, foron traducidos a outros idiomas e escollidos para prestixiosos catálogos como The White Ravens ou a Lista de Honra IBBY.
Gústanme a voz de Lana del Rey, os New York Knicks e as comidas familiares no Lugar do Sapo.
Tes algunha pregunta? queres contar comigo para algún evento ou feira? Non dubides en contactarme e estarei encantado de axudarte!