1

Hai ben pouco puiden voltar a Hamburgo, unha das miñas cidades favoritas. Destruída case por completo durante a Segunda Guerra Mundial e rexurdida das súas cinzas, Hamburgo  converteuse nunha das cidades máis activas de Alemaña, chea de contrastes e cunha idiosincrasia marcada polo seu enorme porto.

Se isto fose un blog de viaxes falaríavos do seu centro histórico, coa praza do Concello como bandeira, os lagos artificiais, os numerosos museos ou os musicais que fan de Hamburgo unha das cidades máis visitadas de Alemaña. Mais como isto non é un blog de viaxes, velaquí unha lista de cousas que eu faría para vivir o outono de Hamburgo durante 24 horas non-stop.

Comezamos!

Almorzo: No comezo da andaina é preciso que collas enerxía, así que comeza papando un bo almorzo. Un bo sitio para facelo é na cafetaría Elbgold Schanze (Lagerstraße, 34C). Neste local do barrio de Schanzenviertel pódese tomar unha grande variedade de cafés, así como comprar os grans torrados no momento. Hai, ademais, tortas caseiras, bagels, ciabatta…

Elbgold Cafe, Hamburg, Schanze

Barco: Co bandullo cheo estás xa preparadx para afrontar a seguinte etapa: un refrescante e matinal paseo en barco polo Elba! Colle o ferry na estación fluvial de Landungsbrücken Brücke 3. Fíxate na torre do reloxo desta estación fluvial, toda unha icona de Hamburgo. O ferry pasa cada 15 minutos, así que non terás que agardar moito. Podes dispoñer dun tícket para todo o día que cubre até cinco persoas por 11,80€ (válido tamén para o metro). A viaxe ten cinco paradas e dura 45 minutos a ida e outros tantos a volta.

 

 

Altona: Aproveita a parada do ferry en Altona (Fischmarkt). Desde alí podes subir até este distrito situado na parte oeste da cidade. Altona foi, durante varios séculos, unha cidade independente baixo a administración da coroa dinamarquesa, só incorporada a Hamburgo en 1938. Con moitas árbores e zonas verdes, pasear por Altona en outono é altamente recomendable.

 

 

Xantar: Continuando o paseo podemos voltar á Schanzenviertel e entrar en Omas Apotheke (a Farmacia da Avoa), unha antiga botica reconvertida en restaurante de prezos económicos. O local está situado en Schanzenstraße, 87. Que xantar? O que che preste. Hai hamburguesas, pasta, schnitzel e todo tipo de comida de batalla. Como en outono vai frío, talvez che apeteza unha sopa quente servida nun molete de pan (ao xeito do Żurek polaco). A gulaschsuppe custa pouco máis de 6€ e resucita corpo e alma. Advertencia: se non che gusta o balbordo nin partillar mesa con descoñecidos, este non e o teu sitio.

 

 

Repouso: Non moi lonxe de Omas Apotheke, en Neuer Pferdemarkt 17, atoparás o sofabar Zöe 2, un amplo local con ambiente tranquilo e decorado con ducias de sofás onde poder estomballarse para tomar un café, un chai latte ou o que che apeteza.

13

Fútbol: Sexas futboleirx ou non, asistir a un partido do FC St. Pauli é toda unha experiencia (iso se es quen de conseguir entrada…). O St. Pauli esta encadrado na Bundesliga 2 alemá (o equivalente á Segunda División), mais é un dos clubs con máis seguidores e seguidoras de Alemaña. Considerado un club de culto polo seu carácter antifascista, a organización ten unha postura aberta contra o racismo, o fascismo, o sexismo, e a homofobia e incorporou esta posición nos seus estatutos.

14

Cinema: Sen saír do barrio de Sankt Pauli, podes agora achegarte até o B-Movie, un cinema alternativo que forma parte da programación cultural do barrio desde 1987. Baseado no traballo voluntario, no B-Movie podes atopar propostas afastadas do cinema mainstream. Este mes, por exemplo, proxéctase un ciclo de cinema arxentino. Conta ademais cun bar pequeno e acolledor onde poder tomar unha cervexa (ou o que che apeteza). Se cadra, até podes encontrar por aló a Uxía, galega de Redondela que forma parte do equipo deste proxecto.

15

Dom: Sen necesidade de saír do barrio, podes agora achegarte á feira Dom. Nun enorme recinto xusto a carón de Millerntor, o estadio do FC St. Pauli, instálanse tres veces ao ano (podes consultar aquí as datas) postos de comida e bebida, escenarios e atraccións para que hamburguesxs e visitantes poidan gozar desta feira durante un mes.

16

Abre diariamente até as 23 horas, agás venres e sábados, que abre até as 24. Todos os venres, ás 22:30, hai un espectáculo de fogos artificiais.

No recinto, coñecido como Heiligengeistfeld, encontrarás atraccións como a noria de Hamburgo, montañas rusas, túneles do terror, etc. Mais a que aquí recomendamos é o Sky Fall, unha das meirandes torres de caída libro do mundo. Desde os seus 80 metros de altura podes contemplar (que non gozar) unhas vistas privilexiadas de toda a cidade antes de caer ao baleiro cunha aceleración de catro veces o teu peso corporal. Toda unha patada de adrenalina que che fará baixar do trebello coas perniñas tremendo.

 

 

DSC_2129Merenda: toca repoñerse do chimpo de 80 metros, e podes facelo sen saír do propio recinto da Dom. Alí podes atopar diversos postos de comida. Mais no outono hamburgués talvez che apeteza tomar unha boa salchicha acompañada de glühwein, viño quente especiado. Esta bebida tomase tradicionalmente nos Weihnachtsmärkte (mercados de Nadal), mais na Dom de outono podes xa atopala nunha chea de casetas.

Concerto: xusto a carón do recinto da Dom atopamos un antigo búnker para a defensa antiaérea da Segunda Guerra Mundial (Feldstraße, 66) hoxe reconvertido nun espazo multiusos con distintos clubs e tendas de música. No terceiro andar encontrarás o Uebel & Gefährlich (Malvado e Perigoso), un club de música con capacidade para unhas 1000 persoas. O club conta cun gran salón para concertos, cunha ecléctica programación que se move desde o tecno até o jazz, pasando polos cantautores, bandas de metal, pop, etc. A nós coincidiunos a visita co segundo concerto de Vetusta Morla na súa xira alemá.

 

 

O schnitzel de media noite: Con seguridade que despois de bailar no Uebel & Gefährlich che entrará a fame. Non hai problema! A apenas dez minutos andando podes chegar a Erika’s Eck (Sternstraße, 98), un restaurante ancorado nos anos 80 onde poderás pedir un fabuloso schnitzel con patacas. Este restaurante só pecha dúas horas ao mediodía, así que podes xantar á hora que queiras e compartir mesa coa fauna nocturna do barrio.

19

Fischmarkt: Despois de estirar un chisco a noite, é hora de te encamiñar cara ao Fischmarkt, o mercado de peixe de Hamburgo. Ao abrir tan cedo (de abril a outubro ás 5 da maña e de novembro a marzo ás 7) e estar tan perto da Reeperbahn e St. Pauli, alí mestúranse familias que van facer a compra, persoas que queren continuar a festa e turistas flipando co que alí ven. No Fischmarkt podes tomar un café, un chocolate quente ou unha Astra, e comer un bocadillo de peixe mentres escoitas música en directo.

20

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.
You need to agree with the terms to proceed