Relato publicado no número 10 da Revista Inviable:

Vouvos contar unha lenda que, posiblemente, xa todas saibades. Eu non son de Ourense, nin teño lazos familiares coa cidade (si afectivos). Con todo, así ma contou o meu amigo Víctor, que viviu aló case dez anos, e así vola conto eu a vós.

Antes daquela praga que matou o viño, había na cidade unha adega na que só traballaban mulleres. A razón desta circunstancia era que o seu dono Isolino, un vello avaro e engurrado coma a pel dunha uva no bagazo, achaba que as mulleres eran menos bebedoras ca os homes.

Isolino erguera a súa adega á beira do río, preto dun lugar que lle dicían “da Portela”. Mentres as mulleres traballaban, o dono vixiaba a adega desde un illote chantado no medio do Miño, no que mandara construír unha caseta camuflada entre xuncos e espadanas.

As empregadas da adega cobraban soldos de miseria, traballaban de sol a sol sen descanso e os seus macutos eran revisados, un por un, ao final da xornada polo propio Isolino para evitar que roubasen o viño.

Todo mudou o día no que Isolino pretendeu descontar do salario das traballadoras o valor dun pipote de viño que se estragara por mor do deficiente mantemento. A empregada máis nova, unha tal Andrea do Gando, farta de aturar os abusos do vello, organizou unha revolta.

Rodeada polas súas compañeiras, a do Gando apremounas a coller os pipotes todos da adega e baleiralos no Miño, deixando que o viño se perdese río abaixo.

O dono, que nese intre vixiaba a adega desde o illote, non foi quen de chegar á súa barca e retornar á terra. Sorprendido polo repentino aumento do caudal da auga mesturada coi viño, Isolino foi arrastrado pola corrente, río abaixo.

Lentamente, Isolino ía afogando mentres, coa gorxa enchoupada de líquido, trataba de berrarlles ás empregadas: “Este viño está augado. Vóuvolo descontar do soldo!”.

A veracidade desta lenda está reflectida na primeira letra de cada parágrafo. Sede moi felices.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.
You need to agree with the terms to proceed