Dispoñíbel en Netflix, esta pasada fin de semana puiden por fin ver Roma, de Alfonso Cuarón, filme polo que o director mexicano gañou xa o León de Ouro en Venecia e dous Globos de Ouro (mellor director e mellor película de fala non inglesa).
Situada no México D.F. de 1971, Roma é fundamentalmente a historia de Cleo (Yalitza Aparicio), unha empregada doméstica de ascendencia mixteca que traballa (e vive) na casa dunha familia acomodada, onde exerce de coidadora, limpadora, cociñeira…
Mais Roma é tamén un exercicio de nostalxia, xa que o 90% das escenas do filme están tomadas da memoria do propio Cuarón para configuar un crebacabezas sentimental que se une como homenaxe ás mulleres da súa infancia.
Non esaxero se digo que esta é, sen dúbida, a película que máis me prestou das que vin en moito tempo. E velaquí van algunhas das razóns para tan categórica afirmación:
-Porque é pura poesía hiperrealista que ten moito de Visconti e mais De Sica, pero tamén do onirismo de Fellini (esa impagábel secuencia do loitador…).
-Porque é unha pelicula fermosa no pequeno, cando aborda a cotidianidade; mais tamén grande no épico, no tratamento da historia do país.
-Pola fabulosa dirección de actores e actrices. Desde as mulleres protagonistas, pasando polas crianzas, os secundarios, etc.
-Polos sutís movementos da cámara, sempre centrada nun personaxe ao que segue como o neno que, naquel tempo, era Cuarón.
-Polo uso da praia como símbolo de catarse persoal e colectiva, que o director xa empregara en Y tu mamá también; se cadra unha homenaxe a filmes tan marabillosos con Os 400 golpes.
-Polo guión do propio Cuarón, que tamen exerceu de director e montador na que é a súa obra máis persoal.
-Polo respecto á diversidade cultural e lingüística, amosando os diálogos de Cleo coa súa irmá en lingua mixteca.
-Polas redes de afecto que amosa, e que devagar se van tecendo entre os personaxes femininos.
-Polo auto-homenaxe que se fai cando Cleo e o seu namorado van ver Atrapados no espazo, precedente de Gravity.
-Pola contundente sinxeleza coa que amosa a diferenza entre as clases sociais, en secuencias como na que Cleo ve a televisión xunto a familia, todos sentados en sofás e cadeiras e ela no chan.
-Polos personaxes femininos; esas mulleres que aturan abandonos, enganos, violencia, incomprensións… mais que xamais son derrotadas. “No importa lo que te digan. Siempre estamos solas”, dille noutra espectacular secuencia a xefa a Cleo.