Despois do acontecido esta fin de semana, pedíame o corpo escribir unhas liñas neste irregular diario vital.

IMG-20191201-WA0013
Agardando un tren que nunca chegou.

Póñovos en antecedentes: vivo cunha nena que, cal Greta Thunberg de 5 meses, odia viaxar en coche. O caso é que nos desprazamos a Pontedeume cada fin de semana para visitar a familia. Despois de non poucas tentativas de facelo en coche (emparelladas a un número similar de desgustos), decidimos procurar unha alternativa. Viaxar en tren semellaba a máis adecuada, xa que podes levar a nena no colo, pasear con ela, cambiala, etc.

Persoalmente, encántame viaxar en tren, e sempre que podo emprego ese medio de transporte tanto na casa como no estranxeiro. Movinme en ferrocarril por Portugal, Francia, Italia, Romanía, Irlanda, Alemaña, Inglaterra, Polonia… e nunca tal me pasara.

O sábado 30 de novembro, ás 10:50, embarcamos na plataforma número 1 da estación da Coruña rumbo a Pontedeume, no que sería o comezo dunha aventura vintage.

Hai que dicir que o percorrido é precioso. Baixas moi perto do mar na ría do Burgo; cruzas Cambre e a fraga de Cecebre, co seu pantano; das volta en Betanzos e bordeas a súa ría e, finalmente, gozas dunhas marabillosas vistas do arco ártabro.

A nosa viaxe foi acumulando atraso en cada parada porque non abrían as portas dalgún vagón, para desesperación do condutor. Mais a cousa acabouse de torcer definitivamente ao pasar a estación de Miño, moi perto xa do noso destino. Na costa que sube a San Xoán, o tren foi perdendo folgos devagar até ficar parado. Polo que nos dixeron os dous empregados de RENFE que ían no convoi (por certo, moi atentos e amables) o tren patinaba sobre a vía, malia levar acesos os catro motores e ir practicamente baleiro. Así que, para a nosa sorpresa, demos media volta até a estación de Betanzos-Cidade, onde varios taxis agardaban polxs pasaxeirxs para achegarnos aos nosos destinos.

IMG_20191201_122543
O pobre non deu feito.

Pero claro, despois había que volver! Tras chamar varias veces a RENFE conseguimos saber que o noso tren de volta non tiña previsto saír de Ferrol. Con todo, informáronnos que estivésemos a esa mesma hora na estación de Pontedeume (agora non é máis que un simple apeadoiro) porque teriamos un transporte alternativo. Cal foi a nosa sorpresa cando, á hora prevista, o tren fixo acto de presenza para nos levar até A Coruña.

Malia o accidentado do periplo, esta fin de semana decidimos darlle outra oportunidade ao ferrocarril. A viaxe de ida transcorreu sen ningún tipo de problema. A volta foi outra historia. O tren que, procedente de Ferrol, debía pasar por Pontedeume o domingo ás 9:15 da mañá nunca chegou. No seu lugar, apareceu un taxi que ía recollendo viaxantes parada a parada para levalxs aos seus destinos. Así que partillamos vehículo cun rapaz que foi durmindo até Betanzos Cidade e cun señor que esperaba coller o enlace en Infesta, pois ía a Lugo ao aniversario dunha sobriña. Non sabemos se chegou.

oznorMB
Ferrol TAXI

A nós deixáronnos na estación da Coruña, onde os letreiros xa anunciaban que o próximo tren cara a Ferrol tamén sería substituído por taxis.

A liña Betanzos Infesta-Ferrol, tamén coñecida como “O Ramalillo”,​ entrou en funcionamento o 5 de maio de 1913.​ Foi construída polo propio Estado ao quedar desertas as diferentes poxas que se celebraron para outorgar a concesión (xa empezamos ben…).

Non hai moito vinlle a Iván Méndez en Twitter este recorte de xornal, onde se devecía pola chegada “da nosa señora de ferro” á ponte sobre a ría de Ares. Sabían en 1911 que o ferrocarril estaba emparellado ao progreso. Hoxe segue a ser así. É un elemento primordial na vertebración dos territorios e un factor que contribúe a unha mobilidade sustentable e eficaz.

nosa señora de ferroUnha media de 167 pasaxeirxs ao día e 61.000 ao ano (segundo datos de 2018) usan o tren entre A Coruña e Ferrol. É unha cifra baixa, por suposto, mais quen pode confiar a súa mobilidade a un medio de transporte lento, con baixa frecuencia e constantes avarías e atrasos?

Os 60 quilómetros que separan A Coruña de Ferrol percórrense en tren en 65 ou 78 minutos, en función dos diferentes servizos. Esa viaxe faise en 40 minutos por autoestrada e en 50 no autobús que cobre a liña sen paradas intermedias.

O vindeiro sábado 14 de decembro, ás 12:30, está convocada unha manifestación na estación de ferrocarril de Ferrol. Parte dxs manifestantes desprazaranse desde A Coruña no tren das 10:50, o mesmo que hai unha semana non foi quen de subir a costa de San Xoán.

Oxalá chegue ese tren e se escoiten as súas reivindicacións. Sería importante. Do contrario, un novo cravo selará a tapa do cadaleito desta comarca.

queremos tren

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.
You need to agree with the terms to proceed